Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Lembranzas da Balbanera

Pouco ou nada ten que ver hoxe en día a Romaría da Balbanera coa que se celebraba cando era un rapaz, ou cando con 21 anos recen cumpridos púxenme ao fronte da comisión de festas, mais falando coa xente maior, as súas vivencias son aínda moito máis entrañables.

Até onde chega a miña memoria, lembro moita xente camiñando cara a Igrexa e despois, desprazarse ás pequenas carballeiras que había pola contorna para comer. Algunha vez téñoo feito tamén, concretamente no Campo da Pena a carón do río, porque de rapaz pasaba longas tempadas na Graña.

Outra vivencia, esta si moito máis clara, é que todo o camiño até o adro e máis este, estaban ateigados de postos de vendedores de rosquillas que vendían enganchadas con garabullos de mimosas, xoguetes e algúns barquilleiros.

O que non lembro ben e se se vendían candeas, supoño que si. Poida ser que me despiste que, na nosa casa cando ofrecían algunha, mandábanme mercalas ao cereira do Son, que estaba a carón do edificio que albergou o Xulgado, fronte ao Cruceiro da Guitarra.

Tamén achegábanse algúns pobres e “impedidos”, así chamábaselles antes (agora, persoas en risco de exclusión social), na busca dunha esmola. Xeralmente percorrían tódalas romarías. Na nosa casa paraba unha parente de miña avoa da Graña. Viña para o Loreto e marchaba despois da Balbanera.

Estas dúas romarías tamén servíannos para ollar e compralas primeiras sandías que as traia un camión.

A devoción e fe era tan grandes, que algunhas mulleres facían a procesión de xeonllos a carón da imaxe ou debaixo. No Loreto aínda ben, pero xa me diredes polo adro e o camposanto de Nebra.

Outra peculiaridade que tiña esta romaría e outras festas, supoño que noutras parroquias pasaría o mesmo, era que a verbena ao ar libre só se podía celebrar mentres houbese luz diúrna, ou xa, coa chegada da luz eléctrica, esta despose de luz artificial suficiente e disto encargábase a Garda Civil de comprobalo.

Deste xeito, en Nebra ao rematar todo no adro, abría ás súas portas a sala de festas que rexentaba una familia veciña. Aínda que algunha xente dime que isto non podo lembralo, lémbroo moi ben, porque xunto con meu irmán temos unha anécdota. Estaba un ano tocando unha orquestra o tema: «Me lo dijo Pérez» e niso marchase a luz. Moitas veces cando falamos de cousas de antano, isto xamais se nos esquece.

Fai 30 anos, cando botei man destas festas, moitas cousas das que comento arriba xa non se daban, aínda así, seguía vindo moita xente, mais xa non se quedaba a comer. Os de lonxe desprazábase en coche, salvo os das parroquias máis achegadas. Con todo iso, no adro entre os «tenderuchos» e a os romeiros e romeiras, non se collía no adro. Moito teño pelexado coas vendedoras pedíndolles que por favor, que coma antes se puxeran polo camiño para poder desenrolalas actividades lúdicas, pero non había forma. Querían estar o más preto da xente, pensando que de outra forma ían vender menos.

O certo era que causában un prexuízo grande, xa que ao estalo adro ateigado, os gaiteiros e bailaríns non dispoñían de espazo material para desenrolar a súa labor.

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes