Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Virxe da Balbanera 2012

Se as festas da Balbanera na súa vertente máis lúdica marcaron un fito histórico fai 30 anos, desvelareino na próxima entrada, nesta ocasión pódese dicir que tamén o foi pero pola súa relixiosidade, ao oficiala Misa Solemne o Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, que estivo arroupado por 16 párrocos, entre os que podemos citar ao omnipresente nesta romaría, o padre López Calo. Civilmente tamén nos honrou coa súa presencia parte da corporación municipal, co seu alcalde, Luís Oujo, ao fronte.

Todo isto ten un nome: Don Ramón, o noso párroco, aínda que el, sempre humilde, réstalle importancia, pero xusto é recoñecelo que dende que tomou posición da parroquia mudaron moitas cousas e para ben.

Entrando xa en materia, o tempo tamén quixo acompañarnos nesta efeméride tan sentida polos veciños e veciñas de Nebra, coma doutros pobos da redonda, o que fixo que durante todo o día lucise un Sol esplendoroso e radiante, aínda que por veces se levantaba unha molesta brisa.

Facía anos, dende que deixei de organizalas festas, que non observaba a xente que acudía ás misas rezadas. Daquela era máis doado facelo xa que todo se organizaba arriba no adro, polo que este ano fixen unha excepción. Esta romaría segue tendo moito tirón, aínda que xa nada é comparado a aquelas que vivín de mozo, pero sobre todo de rapaz, e por suposto, ás que viviron os nosos maiores. Falando con algún deles, aseguráronme que arrastraba máis xente incluso que a Virxe do Loreto.

Pola mañá, logo de que estoupasen as bombas de palenque, os gaiteiros de A Gandaina, acompañados por membros da comisión e por outros colaboradores, fixeron o recorrido por algunhas das aldeas que foran quedando atrás os días anteriores.

Espontaneamente, ou polo menos algúns colaboradores da comisión non sabían nada, instaláronse no campo da festa algúns postos que xa habían estado o día do Carme, polo que ademais dos que houbo no adro, déronlle outro aire á romaría. Non sei abaixo, pero arriba dou constancia de que foron vendendo ben ao longo do día.

Con algo de atraso sobre a hora prevista, dou comezo a Misa Solemne, como ben digo arriba oficiada polo Arcebispo e concelebrada polo padre López Calo e o resto de párrocos. Aínda que agora a xente nas súas ofrendas opta máis por acender un cirio, houbo dúas promesas con velas grandes.

Logo da Procesión tivo lugar a tradicional poxa de figuras de cera.

Xa no campo da festa o Grupo de Gaitas A Gandaina ofreceunos a última parte do seu repertorio, dando paso a actuación da Orquestra Impacto, que rematou ao fío das catro da tarde. Pódese dicir que foi unha mañá longa, pero moi ben aproveitada.

Pola noite xa trocou un pouco o conto, con un pouco más de vento, non obstante salvo este pequeno contratempo, pódese dicir que a temperatura foi moi agradable. Con unha asistencia máis que aceptable de xente, abriu o baile da verbena a Orquestra Impacto e logo a Sintonía de Vigo.

Ao contrario que o ano pasado, que Poceiro fixo os seus pases seguidos e Impacto dous, nesta ocasión fixeron os dous. Se a sesión vermú rematou sobre ás catro da tarde, a verbena non quixo ser menos, rematando ás catro e media.

Foi en definitiva, unha festa moi animada, polo xeral os tres días, pero se o día anterior tivemos un corpo de bailaríns que sen adestrar, como dixo Juan José, neste día, tanto á sesión vermú, como logo á noite, Impacto tamén invitou ao público a implicarse con eles. Dedicándolle unha canción ás rapazas que ousaron subir ao palco. A guinda púxoa Antonio de Gabriel, que mailos tres días tras da barra do bar da comisión, aínda foi quen de entoar unha canción coa orquestra.

Ao remate dirixiunos unhas palabras nas que agradeceu a colaboración dos veciños, facendo fincapé en que tiveran un aumento nas doazóns. Tamén deu grazas ás casas comerciais colaboradoras, e anunciou, que salvo imprevistos, o próximo ano seguiran coas festas. De momento xa puxeron á venda un número da lotaría do Nadal por décimos, como sempre ocorre con estes casos con un pequeno recargo.

Pola miña parte non me queda nada máis que felicitar a todos e cada un dos membros da comisión, por ser quen nestes tempos de crises, ter unhas festas tan excepcionais, non só nestes tres días, se non nos seis anteriores, aínda que polas inclemencias meteorolóxicas en realidade fosen outra vez dez coma o ano pasado.

Tamén felicitar a ese corpo de voluntarios, porque sen eles o traballo da comisión multiplicaríaselle e sei do que falo, porque me tocou vivilo e sufrilo.

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes