Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

San Ramón 2012

Gran día o que se viviu hoxe na romaría de San Ramón. En primeiro lugar falando climatolóxicamente, e segundo, polo primeiro mercado que celebramos no campo da festa e no que había unha ducia de postos.

Pola mañá despertounos Carlos do Facho, coas súas atronadoras bombas de palenque. Por se aínda había xente que non se decatara de que xa estabamos de cheo en festas, o Grupo de Gaitas do País, O Ar de Loureda de Cabo de Cruz-Boiro, levaron a súa música polas aldeas da parroquia.

Mentres tanto, ás nove da mañá abríase o mercado no que había un pouco de todo, aínda que á vista do que ollei, até o mediodía tocoume visita ao oculista, os que máis éxito deberon ter foron os de embutidos e queixos. Non era para menos, o arrecendo coas boas materias primas que se elaboran este produtos, na súa maioría artesanais, case obrigaba a facer un “avituallamento”.

Non sei se foi polo mercado ou polo bo tempo, o certo é que houbo unha gran afluencia de xente á misa solemne, oficiada por Don José Antonio Silva de A Estrada, e Don Ramón, que celebraba a súa onomástica. A pesares da dura competencia que o noso San Ramón ten co de Bealo, tamén atrae a moitos romeiros, motivo polo cal se celebran tres misas rezadas: dúas pola mañá e unha polo serán.

Sesión vermú como era de agardar tamén moi concorrida, na que primeiro os integrantes do grupo de gaitas puxeron as súas notas, para logo dar paso á orquestra Miramar. A verbena xa foi outro mundo aparte, mínima asistencia de publico a pesar de que ao día seguinte era sábado. A verdade puido influír que a noite púxose fría e que sopraba un vento do Nordés que molestaba demasiado.

Na véspera coa orquestra Abanico xa pasara outro tanto, malia a que esa foi unha noite de verán. Con todo iso e a pesares de coincidir en xoves, houbo máis xente.

É certo que as festas xa non son o que eran, refírome a que nas parroquias xa non hai esas masificacións de antano, pero é que en Nebra naquela época tiñamos uns insufribles atascos e hoxe, somos a envexa nesta cuestión. Como excomisionista dóeme cando ollo que a xente non “colabora” coa súa presenza, porque non debemos esquecer que as comisións organízanas con agarimo para todos. Se lles fallamos e deixamos de ir, chegará un día, como xa aconteceu, que só serán unha mera lembranza en fotos, ou agora en vídeos.

San Ramón de Nebra 2012

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes