Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Virxe do Carme 2012

Particularmente esta festividade da Virxe do Carme foi unha xornada inesquecible polo motivo de que, que eu saiba, foi a primeira vez que se sacaron as imaxes do templo para celebrar unha misa de campaña. E iso foi posible grazas a boa sintonía que hai entre párroco, comisión e veciños. Como ben dixo na homilía Don Ramón, el xa lle tiña gañas e cando a comisión llo propuxo, aceptou gustoso. A destacar tamén que os portadores das imaxe apostaron por lucir indumentaria idéntica.

Teño comentado máis dunha ocasión e a xente que me acompañou nalgunha comisión o pode testemuñar, que no seu día perseguía facer algo parecido na festividade do cruceiro de Tores, téndolle alí a misa, pero non puido ser, e o máximo que fixen foi botarlle as alboradas e os fogos ao remate da misa ao seu carón.

Se a todo o comentado ao principio, sumámoslle o mercado na romaría de San Ramón, atreveríame a marcar estas dúas datas como históricas para Nebra. Lonxe quedan aquelas romarías da Balbanera, ateigada de postos dende a taberna de Vilas, onde se colocaba un camión cargado de sandías, até o adro con rosquilleiras, lambetadas, velas, xoguetes, barquilleiros, etc, aínda que neste caso coido que non tiña barquillos, se non diversos agasallos.

De novo o Grupo de Gaitas O ar de Loureda foron os encargados de espallala música polas aldeas, para logo, ás 12 do mediodía, acompañala procesión dende a igrexa até o campo da festa. Pouca xente no acompañamento quizais debido á novidade, mais polos comentarios que escoitei moitos pensaron que saia ás 12 e media. Ollando como a xente foi chegando escalonadamente xa coa misa comenzada, coido que esta puido ser unha das razóns, aínda que no programa os horarios estaban ben claros.

Misa moi concorrida e oficiada por Don Ramón, que estivo acompañado por Dos Luís e Don Aurelio. Aproveitando a ocasión, tamén se procedeu a bendicir este espazo de ocio, que conforma o local da comunidade, o campo da festa, e o campo anexo. Ao remate, nesta ocasión si, diría que multitudinaria a procesión de volta ao templo parroquial, onde Don Ramón, tal e como fixo en Portosín, agasallou aos mariñeiros e a todos que o desexasen, un escapulario da Virxe do Carme.

Rematado os actos relixiosos, recuncouse de novo ao campo da festa baixo os pasarrúas do grupo de gaitas, onde remataron interpretando outras pezas musicais, para logo dar paso á Banda de Gaitas Municipal, Suevia, dirixida por Pepe Romero, fillo dun mítico gaiteiro, Don José Romero, fundador de Os Rosales, a quen tiven o privilexio de contratar en tres ocasións.

A orquestra Amerikan Top tomou o relevo, dando por pechada a longa sesión vermú. Xa no serán os rapaces desfrutaron con xogos e a I Festa da Auga.

Pola noite, de novo os integrantes de Amerikan Top animaron e moito a verbena, que ao contrario que nas dúas anteriores, podemos dicir que foi un éxito total de público. Tamén é certo que a temperatura foi moi pracenteira, nada comparado co frío e a ventoleira da noite anterior. Sinalar a grata sorpresa desta sinxela orquestra, que leva no seu repertorio un amplo abano de música galega e algo moi importante, a maioría interpretada en galego.

Por todo o manifestado cualifico estes días de festa de excelentes, salvo esa nota negra pola escasa asistencia de publico ás dúas primeiras verbenas. Só me resta agradecela excelente labor que desenrolan os membros da comisión, así coma os que dende fora lles botan unha man, a boa sintonía de Don Ramón e a colaboración prestada polo Concello. Que máis se pode pedir?

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes