Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Virxe das Dores 2012

Cada terceiro domingo de setembro, coincidindo co Nazareno en A Pobra do Caramiñal, a Virxe das Cabezas en Fruíme, en Nebra celebramos a romaría da Virxe das Dores. Nove días antes comezara a súa tradicional novena.

A pesares desa dura competencia, tanto á misa, oficiada por Don Manuel, como a sesión vermú, estiveron moi concorridas. De feito, coido que nunca influíron en que houbese máis ou menos xente.

Antes, pola mañá, de novo o Grupo de Gaitas O ar de Loureda, de Cabo de Cruz-Boiro, foron os encargados de avisar coa súa música de que xa estabamos nas festas máis importantes do ano.

Rematada a Misa e Procesión, primeiro no adro e logo no campo da festa, animaron a sesión vermú dando paso a actuación do Grupo Atenas de Padrón, que a pechou.

Ás 6 do serán disputouse o Torneo Futbito Prebenxamín. Organizado pola Concellería de Deportes do Concello, no que houbo moitos goles, e xogadas de libro.

Xa pola noite, aínda que ao día seguinte fose luns, pódese considerar que houbo bo ambiente, iso si, até o descanso… despois minguou bastante. Din que un gran non fai granadeiro, polo que un nutrido grupo aguantamos estoicamente até que o Grupo Atenas botou a súa última peza.

Grazas á súa gran profesionalidade e aos seus shows, fixo que a xente bailase todo o que quixeron, e o máis importante, que nos divertísemos e pasásemos unha velada moi agradable. A velada, climatoloxicamente falando, tamén foi moi propicia.

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes