Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Nosa Señora 2012

Moita xente contemplamos por primeira vez nestas festas esta impoñente talla coa imaxe da Nosa Señora, que pasa a ocupar este lugar privilexiado na igrexa, e que foi doada altruistamente por unha familia que non buscaba notoriedade, se non só compartir un anaco da historia da imaxe. Aínda que onte souben quen a doou, quedei coa familia en que de momento non ía facelo publico. Non demos en falar da súa antigüidade, pero ten que ter máis dun século.

Mañá totalmente desapracible a que nos tocou vivir onte, día da Patroa, que como ben indicou Don Ramón ao remate da misa e ante unha igrexa ateigada de fieis de Nebra, de parroquias do entorno e de turistas, invitaba máis a non saír da casa. Por sorte, pouco antes de procesión o ceo azul impúxose sobre as nubes, e o Sol, como corresponde neste tempo, comezou timidamente a coller forza. Aínda que facía algo de vento, o certo é que houbo instantes no que xa se buscaba mellor unha sombra.

De novo ás 10 da mañá o grupo de gaitas O ar de Loureda de Cabo de Cruz-Boiro, volveu a sacar a máis dun da cama, aínda que, como se unha praga lles botasen por espertalos tan cedo, por 2 veces tiveron que poñer pés en “polvorosa” para, xunto cos integrantes da comisión de festas que os acompañaban, protexerse da choiva.

Como ben digo ao principio, descontando as misas das romarías, foi esta unha das máis multitudinarias que lembro haber presenciado en moitos anos. Pódese dicir que a todo isto contribuíu que fose festivo, mais debemos ter en conta que o tempo desapracible ate case o mediodía, invitaba máis a quedarse ao calor do fogar.

Logo de rematada a procesión, de novo acompañada polo son das gaitas do grupo de gaitas O ar de Loureda, tocou achegarse ao campo da festa onde nos volveron a deleitar coa súa música, acompañada nesta ocasión con cánticos. Practica moi pouco habitual entre os gaiteiros, e que descubrín cando contratara a Os Rosales de Asados.

Despois tomou o relevo o grupo de gaitas, Canlebó de Camboño, que ao unísono coas pandereteiras de Falcoeira, deleitáronnos co seu repertorio. A actuación dos 3 grupos non deixou indiferente ao público, entre o que se atopaban, como era obvio, moitos veciños e veciñas de Camboño, e de novo, moitos veraneantes.

Gustoume a interacción de Canlebó e Falcoeira, que xa fixeran nun festival por Paula, a nena de Boiro, e na romaría da Gorgoza. A parte diso, fixo que coincidira con algunhas amizades daquela parroquia, que levaba anos que non ollaba e que xurdira a raíz de que os nosos fillos, estiveran xuntos en diversas agrupacións de gaita e baile.

Ante o desespero do axente musical, non era para menos, xa que o reloxo estaba a punto de marcalas tres e media, dou comezo o pase do Grupo Latino, última actuación prevista nesta longa e ben aproveitada mañá.

Xa metidos de cheo no serán, multiplicáronse as actividades lúdicas. Por unha parte no campo de Prado dou comezo un partido de fútbol ou “pachanga” entre solteiros e casados, aínda que houbo que botar man de toda xente que pódese correr tras o balón. Non me pregunten polo resultado, porque houbo tantos goles para cada equipo, que moitos deles non saben nin como quedaron.

As primeiras anécdotas xurdiron que nas porterías estaban dous solteiros á prostre, irmáns e solteiros. Logo na segunda parte, un deles entrou como xogador, sendo substituído por outro, ou mellor diría que por “outros”. Porque se José Antonio Camacho estivese presente, lembrando aquel famoso partido contra Corea, diría que moi fresco ollaba ao porteiro, e non era para menos: son xemelgos como dúas gotas de auga e intercambiábanse a camiseta .

Ao mesmo tempo, no campo da festa daban comezo as actividades patrocinadas polo Concello para os rapaces, que remataron con todos bañados nun mar de escuma.

Pola noite o Grupo Latino volveu a ofrecelo mellor do seu repertorio. A pesar de ser moi apracible, sen apenas vento e unha excelente temperatura, novamente volveuse a notar, ou así o vín eu, o “calor” da xente, polo menos no tempo que estiven.

Como excomisionista consideraba tan importante os donativos, como que os veciños arroupasen a festa coa súa presenza. Non debemos esquecer que a xente das comisións son as que máis esforzo fan, non só os días da festa, senón que moito antes, para que todos podamos pasar un bos momentos en escasas horas.

Nota: A actuación suspendida da Orquestra Abanico de Rianxo, quedou posposta para o día 30 de agosto, co que contando con San Ramón e o Carme, serán 3 días de festa seguidos. Tamén está previsto celebralo primeiro “mercadillo”, pero disto téñome que informar mellor para precisala información.

Nosa Señora 2012

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes