Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Festas da Balbanera… 1982

Despois de haberme casado en xaneiro e trala marcha de Amador da Garela para a Arxentina, a verdade é que ese ano non tiña moitas gañas de organizalas festas. Mais a visita de dous veciños que xa non están entre nós, e que o tempo se botaba enriba sen que ninguén se interesase por levalas a cabo, fixo que a última hora recapacitase, máis precisaba axuda.

Toquei en varias portas na procura de colaboradores pero ninguén se animaba, salvo na última. Atopábase este veciño traballando no Son e alí me dirixín para falarllo. Despois dunha longa charla aínda que abertamente non me dixo que si, propúxome comezar a pedir e que logo daríame unha razón. Tardou varios anos…

A verdade é que case o entendín, non había quedado moi contento con unhas que tivera o ano anterior con outros amigos, non por diferenzas entre eles, se non que, se a xente non colabora, as comisións tampouco poden facer milagres.

Tamén é certo que puiden volver a falarllo, mais entendía que se o facía sería como premelo e non era esa a miña intención. Unha vez que me puxen en marcha tampouco era cousa de dar marcha atrás, así que decidín tirar só do carro e despois dos eloxios que sigo recibindo trinta anos despois, coido que acertei de pleno.

Cumpre polo tanto desvelar porque lle dei un xiro radical ás festas. A clave está aquí, cando me refiro a anécdota cos gaiteiros. Máis non foi o non acadala recadación prevista o que me moveu a facelo que fixen, se non o levalo a aldeas por onde nunca pasara e non saír case ninguén a escoitalo, a pesar de que habíamos publicado unha nota de que día pasabamos por cada unha.

Despois tamén pesou que solo non podería atender a todo: facelo pasarrúas co gaiteiro; tirar os foguetes; agardar polas orquestras para axudarlle a subilo material e por se fose pouco, aínda había que andar detrás da xente para que sacasen os santos e iso, que como recompensa, cada portador levaba un foguete.

Grazas á labor de Manuel Muñíz (q.e.p.d), o axente co que sempre traballei, e ao que pedín asesoramento, as orquestras que me mandaba viñan coa cláusula de que tiñan que tocala procesión. Ese foi o motivo polo que estudei de prescindir o domingo e luns dos gaiteiros, compensándoo o día da Balbanera con unha agrupación de Coros e Danzas como eran Os Gatiños de Portonovo (a foto é duns anos antes polo que nela igual están algúns dos que viñeron), que daquela estaba composto por 36 integrantes que acadaran un grande éxito, e estudar de dedicar a partida deses dous días aos fogos de noite.


Na miña mente tiña o tirón daqueles antigos combates navais que había no Son, por iso cando chamei a Aurelio, da pirotecnia Resúa de Escarabote, para facerlle o pedido dos fogos de día, déuseme por preguntarlle: que podería facer con 50.000 ptas de fogos de noite? Verbas textuais: Queimas Nebra!!!

Acostumado a aquelas tiradas, sinceramente, pareceume que se ría de min, pero veume tan serio que volveu a insistirme: É certo Paco, terías uns fogos espectaculares! Tan seguro o vín, que lle dixen, pois avante… e non me defraudou.

Desa aínda non se sabía que O Son ese ano non tería fogos, xa que empregaran os cartos en facer un palco. Foi o primeiro ano que a Balbanera superou ao Carme de O Son, e así seguiu uns anos máis.

Nada diso seria posible se non fose pola excelente labor de Muñíz, acertándome de cheo no programa e tamén grazas á profesionalidade das orquestras e de Sabela, aquela xove promesa que comezaba a despuntar. O malo é que domingo chegoume o primeiro desgusto, unha afonía de Fernandito impediu que actuase. Polo seu chorro de voz, o ano anterior moita xente pensou que era mexicano, pero non, era galego de pura cepa. Dado aquel éxito foi polo que apostara de novo por el.

O segundo desgusto e moito peor aconteceu o día da Balbanera, pola mañá moi ben, pero pola noite con unha choiva intermitente, non se puideron montalos fogos e a orquestra xunto con Sabela non puideron actuar, porque o palco colaba auga coma un cesto. Non me quedou máis remedio que aprazar todo para o venres, pero claro, primeiro tiven que falar coa xente que estaba no adro, xa que eu solo non podía facer fronte a ese desembolso a maiores, nin tiña tempo material a ir porta por porta a pedir outro donativo, que alí entre todos, acordamos que serian 200 ptas por casa.

Os amigos que máis se implicaron, houbo máis pero no me lembro de todos, foran Pepe do Campo e Jorge de Casanova. Ese foi o xerme da comisión do ano seguinte.













Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes