Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Santo Antón 2012

O día amenceu con pequenos nubarróns, que se foron disipando ao longo da tarde, quedándose unha moi boa noite. Pola mañá, Carlos do Facho despertounos coas ruidosas bombas de palenque e un pouco máis tarde, o Grupo de Gaitas A Gandaina de Palmeira, paseou polas aldeas a súa musica.

Centrándome nos actos relixiosos, a misa foi oficiada por Don Aurelio, a petición de Don Ramón, estando acompañados os dous por Don Manuel. Para ser luns, a igrexa estivo case chea. Santo Antón entre outras cousas é o patrón das mulleres estériles; dos pobres; dos viaxeiros; dos albaneis; dos panadeiros e dos papeleiros. Invocase tamén polos obxectos perdidos e para pedir un bo home ou muller.

Unha vez rematada a misa e procesión, seguimos até o campo da festa ao grupo de gaitas, que botaron de novo unhas pezas alí. Logo foi o Grupo Samba o que tomou o relevo. Dicir, porque na anterior entrada esquecéuseme, que nestes dous días puidemos contar cun posto rosquillas e churros, algo que non acontecía dende fai moitos anos, xa que agora só na Balbanera se vendían rosquillas. Pouco ou moito, a xente fomos picando.

Como era de agardar, na verbena pódese dicir que estabamos só en familia, pero é que este día lémbroo sempre así. Efectivamente, moi pouca xente, pero pódese afirmar que é o día que máis nos involucramos coa festa, e se logo nos cae un grupo como Samba que se implicou e mollou toda noite, o éxito é rotundo. Ao rematala entrada do día adicado á Balbanera, retrocederei 30 anos, e alí explicarei un pouco máis polo miúdo outras anécdotas deste día.

Non vou comentar máis nada para non desvelar o contido dalgúns vídeos, sobre todo se non estiveron na festa, aínda que perdín de gravar momentos estelares da noite.

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes