Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Noite de San Xoán

Para celebrala noite máis longa do ano, a comisión de festas invita a veciños e forasteiros a pasala no local da comunidade de montes, baixo o ritmo e a marcha que Paco de Leña impón en tódalas súas actuacións.

Non estaría de máis, por se no teñen aínda planeado, caldear antes un pouco o ambiente con unha fogueira e unhas sardiñas, tan típicas nesa noite.

Non obstante antes de achegarse á troula, non esquezan que deben recollelas sete herbas básicas co Sol aínda asomando a súa faciana, para logo metelas nun barreño con auga e poder lavala cara pola maña. Despois de tanta festa, seguramente boa falta fará para poder despexarse e poder ollar como baila o Sol, segundo vai asomando timidamente por detrás de Iroite.

Lume, lume, alumea o pan;
Deus che dea moito grao,
cada grao coma un bugallo,
cada pe coma un carballo.

Salto por riba
do lume de San Xoán
para que non me trabe
nin cóbrega, nin can

Madrugada de San Xoán,
madrugada máis garrida,
que baila o sol cando nace
e ri cando morre.

Por ser noite de San Xoán,
noite de encantos e bruxas.
por ser noite de San Xoán,
téñoche amor Maruxa.

Día de San Xoán, meniña vaite lavar;
pillarás auga de paxaro antes que o sol raiar.

En san Xoán, as bruxas fuxirán.
Sálvame lume de san Xoán, para que non me trabe, nin cadela nin can.
Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
A noite de san Xoán, pasaralo ben, e o día seguinte, mal.
Na noite de san Xoán, non te deites ata a mañá.
No san Xoán, na palangana cagarán.
Se queres roubar un portal polo san Xoán, come moito e sobre todo pan.
Na noite de san Xoán rapaz, rouba portais si es capaz.
En san Xoán, cardos dan.
No san Xoán, peras na man.
No san Xoán, as peras caen ó chan.
A auga de san Xoán, tolle o viño e non da pan.
No san Xoán, fouciña na man.
Os allos postos no san Xoán, son dentes de can.
Cebolas en san Xoán, cagallas de can.
Na noite de san Xoán, bebe viño e come pan.
Polo san Xoán, a sardiña pinga no pan.
O coello polo san Xoán, e o pavo polo Nadal.
Quen fai xaxún polo san Xoán, é tolo ou non ten pan.
Mañás de san Xoán unhas corren e outras van.
En maio, déitome e caio. En san Xoán, déitome no chan.
Na noite de san Xoán, fai o que todos fan.
Polo san Xoán, as nove co día darán.
Polo san Xoán, a vella preguntará, cando virá o verán.
O día de san Xoán, ó o día máis longo do verán.
Polo san Xoán, calquera burro gaña o pan.

Dous vídeos con sendas actuacións de Paco de Leña, para saber o que lles agarda á xente que aínda no coñeza, por sorte, cada vez menos.

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes