Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Romaría da Balbanera 2011

Como cada ano, o martes da Balbanera os devotos e devotas atopámonos coa Virxe adornada con un fermoso e vistoso arco de flores, o que non sabe moita xente e quen é ou son as artífices de semellante traballo. Para poñerlle nome a esa xente, no serán do luns achegueime á igrexa para inmortalizar ese momento. Xa levaba anos intentándoo pero por diversos motivos tiven que ir pospoñéndoo.Virxe da Balbanera

Ao longo de dúas horas e media, Xulia, Concha e Lela, foron paseniño dándolle forma ao seu máis que laborioso traballo. Labor que no caso de Xulia e Concha, comezara días antes coa recollida dos mirtos e preparalos na casa para deixalos todos na súa xusta medida. No vídeo poden ve-lo seu traballo paso a paso.

Con un día radiante e unha noite espléndida, desas que fora de pleno apoxeo do verán son difíciles de atopar, celebrouse romaría máis entrañable e con máis devoción da parroquia e de moitos forasteiros.

Pola maña o grupo de gaitas volveu a percorrelas aldeas e ás 12 do mediodía, a Banda de Música de Caamaño, ofreceunos o primeiro concerto, motivo polo cal Don Ramón decidiu non te-la misa, que outros anos a esa mesma hora se celebraba.

A misa solemne ou cantada foi concelebrada polos párrocos da táboa e varios compañeiros de Don Ramón. Agora ao contrario que antigamente, a xente acende cirios non canto de candeas, de tódolos xeitos, coma tódolos anos, unha señora leva como ofrenda unha candea de corpo enteiro -chamadas así, por te-la altura dunha persoa-. Logo da procesión cantouse o himno da Balbanera e posteriormente tivo lugar a poxa das figuras de cera -cabezas, corpos, brazos e mans, da que é avogosa- que ao longo do ano os romeiros e romeiras van ofrecéndolle á Virxe. De seguido a banda volveu de novo a ofrecernos outro concerto, que rematou con un pasarrúas no campo da festa, onde a orquestra Poceiro xa estaba dando os seus primeiros toques da sesión vermú.

Xa pola noite a verbena comezou coa orquestra Impacto –que se encargou tamén de pechala- e a orquestra Poceiro, con un único pase. A verdade é que gracias ao seu bo facer, foron quen de facelo esqueleto ás parellas e non parellas que se achegaron á festa. Miguel Torres, ex integrante da orquestra Compostela, tamén soubo sacarnos algo de nostalxia e poñernos a pel de galiña coas súas intervencións.

A comisión de festas agradeceu publicamente a colaboración de todos cantos fixeron posible as festas, a maiores e xoves e tamén a cantos colaboraron desinteresadamente para poder levalas a cabo, dende os que colaboraron para dalas alboradas, hasta os que venderon as rifas para o sorteo da televisión doada por Limpezas Galinor de Nebra. Tamén se agradeceu a colaboración das traballadoras de Conxelados Mayca.

O agraciado coa televisión foi Jorge Castro Parada co número 001. Aínda que había xente que pedía e agardaba un novo sorteo por non atoparse na festa o afortunado, a rifa dicía que se sortearía ata que aparecerá o gañador, en defensa da comisión debo dicir que, cando adquiriamos unha papeleta, deixabamos rexistrado na matriz o noso nome e teléfono. De feito nin tan sequera levei as papeletas para festa, nin me había fixado nese dato.

Hai que recoñecer que a súa venda comezou en maio e seguramente moita xente, aínda sabendo que non podería estar na festa ese día comprou un boleto, sabendo que ao deixar eses datos tería as mesmas oportunidades que os que fosen, de outro xeito, ao mellor igual non o houbese comprado. Que houbo unha pequena descoordinación? pode ser, pero en ningún intre o podemos achacar a mala intención por parte da comisión, nin dos que reclamaban outro sorteo.

Que mudaron os tempos ollase na presenza da xente nesta festa que tanta ten atraído. O certo é que as empresas hoxe en día non axudan nada para que traballo e ocio se poidan contabilizar por igual. Agora que temos un campo de festas privilexiado e zona de aparcamentos envexables, houbo moita, pero non tanta como se agardaba á vista do programa. Non sei, postos a buscar unha pequena desculpa, pode ser que isto veña motivado a que agora as festas non teñen continuidade.

Déixoo aquí para que reflexionemos todos xuntos…

  • By Banda de Caamaño, 24 de Setembro de 2011 @ 22:23

    Gracias, Paco, por eses maravillosos videos. Coma sempre eres unha fonte inagotable de recursos audiovisuais!! Bo traballo.

  • By nebra, 25 de Setembro de 2011 @ 22:50

    Comentarios coma este xa pagan todo o esforzo feito neses catro días.
    É xusto recoñecer e de aí tamén as miñas gracias, por darme todas facilidades para poder desenrolalo meu traballo.

  • By Certo, 26 de Setembro de 2011 @ 22:53

    Es un fenómeno! Para nós quixéramos alguén tan traballador e comprometido co seu pobo. Parabéns de novo!!

  • By nebra, 26 de Setembro de 2011 @ 23:43

    Moitas gracias amigos. Polo menos agora moitos veciños e veciñas xa comezaron a decatarse que o que fago non é nada doutro mundo e xa miran todo con outros ollos. Coma todo, as fotos e vídeos de hoxe en día non son novidade, pero cando se ollen dentro duns anos, decataranse do que sentimos hoxe cando mirámolas de antano.
    Agardo ter sorte de que alguén que teña ese tipo de fotos e me permita compartilas con todo o mundo, sobre todo se algunha se corresponde coas festas que organicei na década dos 80.

Other links to this post

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes