Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

San Antón 2011, crónica

Polo xeral o día do Santo Antón, notase que é luns, é pobre en canto asistencia de veciños e forasteiros a esta festa, tanto aos actos relixiosos, á sesión vermú ou xa pola noite á verbena. Con todo iso, acadouse que saísen tódalas imaxes en procesión e isto é un fito, porque como sabemos todos, Santo Antón é unha talla de peso e agora o traxecto é moito máis longo que antes, e tense dado nestas festas, incluso co Santo Antón pequeno, e noutras, non haber procesión.

A súa biografía

A mañá discorreu cos gaiteiros dando o pasarrúas pola aldeas elixidas para ocasión, grazas á colaboración da xente que lle botou unha man á comisión. Só houbo un pero, que achaco a un mal entendido e do que me fago eco para vindeiras ocasións. Á saída da misa, os gaiteiros, ao contrario que noutras ocasións, non se pararon a tocar unhas pezas no adro, se non que comezaron e deseguido puxeron rumbo ao campo de festas, o que causou un pequeno malestar entre a xente, sobre todo maior, que marcha directamente para a casa. Esta tamén é unha das causas polas que non poida engadir un vídeo da súa actuación.

Verbena, xa digo, con moi pouca xente e comentado con algún integrante da comisión, á verdade é que desanima, pero bastante animada grazas á Orquestra Bohemia de Monforte de Lemos (Lugo), que leva no seu repertorio versións en galego de, como se pode ollar nun vídeo, corridos mexicanos, interpretado por Azucena Fouz Ares, que participou o ano pasado no programa da Televisión de Galicia, Luar, concretamente no concurso “Recantos”, acadando as semifinais.

Vexan neste último vídeo como non é tan difícil bailar con un corrido mexicano cantado en galego: O Galo de Ouro. Cal será o motivo de que a maioría das orquestras galegas non se atreven a dar pasos coma este?

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes