Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Virxe das Dores 2011, crónica

Como cada ano dende tempos inmemoriais, o terceiro domingo de setembro comezan as grandes festas da parroquia adicándose á Virxe das Dores, o luns ao Santo Antón e o martes, á Virxe da Balbanera.


O manto que loce a Virxe, foi doado por unha familia emigrante

Unha vez máis os gaiteiros Os Salgueiriños de Noia pasearon o seu bulicio polas aldeas elixidas ese día, porque debemos ser conscientes que é imposible levalo por todas. De aí que dende sempre se intentase facer un xusto reparto cada día.

Na parte relixiosa oficiou a misa Don Manuel Iglesias Pérez, diácono, se non me trabuco da Catedral de Santiago, e antigo mestre do noso párroco, Don Ramón. Misa cantada polo coro parroquial e bastante concorrida dado que era un domingo, polo que non houbo maiores problemas para poder sacalos santos en procesión.

Xa no campo da festa, Os Salgueiriños tocaron de novo unhas pezas e o grupo de pandereteiras Falcoeira de Nebra, cun traxe estreado para a ocasión, deleitounos con algúns temas do seu repertorio, que recibiron numerosos aplausos dos asistentes.

Pechou a sesión vermú o grupo Alcázar, que recuncou por segunda vez á parroquia, con moito mellor tempo que cando efectuou a súa estrea o día de San Roque.

Polo serán os rapaces e rapazas desfrutaron cos inchables e co touro mecánico, aínda que con este tamén se atreveron algúns pais e nais. Estas actividades foron subvencionadas polo Concello.

Xa pola noite, segundo me comentaron, de novo causou moi boa impresión. Tiña pensado achegarme un rato, pero ao final non puido ser, motivo polo cal non podo colgar ningún vídeo da verbena.

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes