Páxina adicada á promoción de eventos da parroquia, recoller vellas lembranzas e fotos

Romaría de San Ramón 2011, crónica

Maña desapracible e chuviosa coma se fose pleno inverno o que nos tocou vivir este 31 de agosto, adicado a San Ramón.

Un ano máis acompañando a Don Ramón, oficiou a misa o seu amigo persoal Don José Antonio Ortigueira, cura párroco de San Pelaio de A Estrada, non podendo facelo os compañeiros que tamén estiveron o ano pasado por mor das súas obrigacións. Por sorte houbo procesión, aínda que como dixo Don José Antonio, batéronse tódolos récord. Obviamente estábase referindo a que houbo que aceleralo paso porque no medio do percorrido comezou a chover.

Baixo unha impresionante tromba de auga o gaiteiro, Os Salgueiriños de Noia, tocaron unhas pezas e a Orquestra Odisea, ofreceunos parte do seu repertorio. O malo foi que moita xente ao rematala misa marchou directamente para casa e como ben se sabe, parte do presuposto co que se sufragan as festas sae da cantina, polo que se non hai venta, dificilmente se pode facer caixa.

Era sabido que da forma que seguiu chovendo toda tarde e a pesar de que a noite mellorou algo, isto ía restar xente á verbena como así ocorreu. Quizais influíse que moitos descoñecían que a orquestra actuaría no local veciñal. Sen datos estadísticos de meteoroloxía, apostaría a que hoxe choveu máis do que o fixo en toda pasada primavera, e iso que aínda quedan 20 días de verán.

Aí vai Nebra! is powered by Wordpress | WordPress Themes