Salvo algunha xente, moi poucos se decataron que a Balbanera deste ano para min tivo un significado moi especial, por iso me alegro de que houbese festa e de hai que me implicase tanto en inmortalizar tódolos eventos celebrados. Corría o mes de agosto de 1981, cando o compañeiro de aventuras, Amador Agraso Lojo «Amador da Garela», emigrado posteriormente a Arxentina onde se estableceu, comentarame por que non organizabamos as festas da Balbanera.
A verdade era que non me apetecía moito, pero despois de insistirme varias veces decidimos da-lo paso. El xa había colaborado o ano anterior nestas festas, i eu tiña a experiencia de organizalas de Santa Rita en 1979.
Xa «embarcados», nas festas do Carme de Portosín contactaramos coa Orquestra Compostela, pero sen explicarnos o motivo, dixéronnos rotundamente que a Nebra non viñan por nada do mundo. Non nos rendemos, xa que nos parecía unha pequena falta de respecto, días despois falamos directamente falar co seu director, Manuel Muñíz, «q.e.p.d» e alí mesmo asinamos o contrato particular das tres orquestras.
Un hándicap que tiñamos daquela as comisións era que había que axudarlle ás orquestras a subilo material ao adro e despois baixalo, xa que non había os accesos de hoxe. Nalgunha ocasión valiámonos da axuda dun tractor e noutras, da colaboración de amigos, que ás veces non se daba. Iso, segundo me comentaron anos despois, fora o que-lle pasara á Compostela. De aí a súa desculpa co seu director para non asinalo contrato e por iso, no seu lugar veu a Orquestra X de A Coruña.
Solucionada esta papeleta, tentamos darlle aires novos á festa e á vista da boa acollida, conseguímolo. Salvo o día da Balbanera que na sesión vermú había orquestra, o domingo e luns só había gaiteiros. Ese ano ademais do gaiteiro, tivémolas orquestras e no descanso das verbenas, actuaba o gaiteiro. Eran outros tempos, pero a xente, sobre todo a maior, «porque non dicilo, a que aportaba os fondos» agradecía isto.
O presuposto que tiñamos asinado para o gaiteiro eran 60.000 ptas. Por San Ramón falaramos coa Agrupación de Coros e Danzas Paradela «coido que de Vilanova de Arousa». O domingo cobraban 20.000 ptas., luns e martes, 30.000. A nosa preferencia era o martes, pero xa se nos disparaba, porque dubidabamos que coas restantes 30.000 ptas encontrásemos gaiteiro para 2 días. Con todo iso aínda nos esperaba un revés máis grande. Nas festas de Santa Rita había contratado Os Rosales de Asados-Rianxo por 20.000 ptas., así que esperabamos que se non subiran o «cache», o presuposto só se nos dispararía 10.000 ptas… pero non foi así.
Cando o señor José nos pide 60.000 ptas., véusenos o mundo enriba. Trinta mil ptas facíasenos costa arriba, porque o petitorio xa estaba feito, aínda que non empezaramos a recollelos cartos. Alí fronte a el, debaixo dunha viña «se non lembro mal», unhas nos ían e outras nos viñan, polo que-lle pedimos o teléfono para darlle unha razón. Pero claro e niso tiña razón, se chegaba outra comisión agarraríase, con moi bo tino, á primeira oportunidade.
Á parte, Amador e máis eu comezamos a deliberar e como habíamos decidido tentar de darlle ese novo aire que comento, nese intre decidimos botar en marcha outra idea: levalo o gaiteiro a tódalas aldeas e desa forma, tentar recadar gracias a el algo a maiores e poder cubrilo presuposto. Sempre empezaba en Cans e seguían pola carretara hasta a Igrexa, polo que non pasaba por outras aldea e isto causaba malestar, porque como nos dicían, todas colaboraban coas festas, polo que pensamos que ao ser novidade a xente ía «afrouxar».
Alí mesmo asinámolo contrato e días despois, por teléfono e de palabra, como se facía ás veces, contratamos a Paradela. Facer isto hoxe isto é impensable.
Pechado o programa elaborámola publicidade que expuxemos antes de comezar a recollelos cartos e cal non sería a nosa sorpresa, que moitos veciños ao ve-lo, decidiron facer algunha pequena achega a maiores do que nos habían apuntado, polo que cada día que pasaba a recadación íase aproximando ao presuposto final.
Levalos gaiteiros a onde nunca foran, ou xa non se lembraba, todo hai que dicilo, foi grazas á colaboración de dous veciños. Manuel Maneiro Maneiro «Manolo de Maneiro», veciño de Resúa emigrado aos Estados Unidos e a Emilio Piñeiro Romero «Emilio da Carballeira», veciño que foi de Cadeiras «q.e.p.d», que nos apoiaron cos seus coches. Con todo iso a recadación non se aproximou nin remotamente á cantidade que agardabamos e pola que nos habíamos empeñado nun principio.
O mellor de todo é que aínda que foi unha cantidade insignificante, entre esa recadación e as achegas a maiores, tivemos ese pequeno superávit que quedou reflectido nas contas. Contas que como é corrente xamais se amosan, aínda que eu, a partir de certo ano, si que o fixen.
Cando se busca non se encontra, teño un cartel do programa pero no dou atopado, cando dea con el engadireino ao resto de documentos, afiches e postais que aporto.






















